Lugo marcha por 15º ano consecutivo pola igualdade entre mulleres e homes

Este domingo celebrouse a XVI Marcha pola Igualdade, enmarcada na programación que organiza o Concello de Lugo para conmemorar o Día Internacional das Mulleres. A marcha, arrincou na Praza Maior, diante da Casa Consistorial, e continuou pola Praza de Santa María para subir á Muralla pola rampla de Pío XII e dar unha volta completa polo seu adarve. Na andaina, as persoas participantes portaron uns paraugas conmemorativos.

Dentro das actividades para conmemorar o 8 de marzo, esta tarde no Vello Cárcere proxectarase o documental Cambia de papel, elaborado pola ONG Implicadas no Desenvolvemento. A longametraxe está dirixida e producida por María Reimóndez, fundadora do colectivo, o actor Luis Tosar e a escritora Kutti Revathi. É un documental duns 35 minutos, no que se contan 11 historias en primeira persoa, no que ademais do propio Tosar e Reimóndez, participan 9 mulleres indias.

Ademais destas actividades, o xoves día 5 de abril, ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire, terá lugar a representación da obra 5 mulleres que comen tortilla, a cargo da compañía Señora Supina. A entrada custa 3 euros e pode mercarse a través de entradaslugo.es ou unha hora antes da función no propio auditorio. Esta obra é unha comedia delirante e enxeñosa. A liberdade, o feminismo, as moralidades e o medo ao descoñecido son os motores desta exitosa comedia internacional.

 Entre as actividades para conmemorar o Día da Muller, o Concello tamén ten preparada unha proba deportiva, dentro do  Corre con Nós, que se converterá no Corre con Elas o 15 de abril, ás 12:00 horas, polo paseo de Ombreiro. Tamén, durante o mes de marzo, nas ociotecas municipais do programa Aprende Xogando, levarase a cabo un programa de fomento de igualdade.

 Continúan tamén os Faladoiros Feministas, unha iniciativa do Concello, a Deputación de Lugo e o Foro Feminista Maruxa Mallo, os días 6 de abril e 25 de maio, no Vello Cárcere a partir das 20:00 horas.

No transcurso do mes de abril, levarase a cabo a inauguración do espazo de visibiliación permanente da historia das mulleres e de acceso público á cidadanía, Elas, no Vello Cárcere.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com