As obras da rúa Montevideo-Bolaño Rivadeneira están, segundo Lugo Monumental, “a retrasarse e ameazan cunha posible paralización, como xa ocorreu coas de Santo Domingo. Lugo Monumental comprobou neste último mes que se está reducindo o ritmo do avance e hoxe apréciase que non hai traballadores en gran parte da obra”.
Nesta ocasión non hai, ata onde saibamos, redeseño do proxecto polo que non cabe escusa algunha para a redución do ritmo de traballo nuns días en que xustamente tería que ocorrer o contrario, xa que non chove e a climatoloxía é boa. Menos movemento: en días pasados a asociación contabilizou ao redor de 14 ou 15 traballadores diarios, mentres que hoxe “só había un tapando xuntas das laxas postas en semanas anteriores, e dúas máis retirando ou recolocando material”.
Outros catro traballadores en Amor Meilán están a poñer laxas na devandita rúa. “O preocupante é que nesta época do ano é cando os traballos terían que avanzar a maior velocidade, xa que non chove”.
Dúas prórrogas polo momento
“A obra tiña que estar terminada o 11 de febreiro deste ano, e recibiu unha primeira prórroga que situaba a súa finalización o 10 de xuño. Uns días antes de dita data aprobouse unha nova prórroga ata o día 5 de setembro que, obviamente, non se cumprirá. Preocupación nos comercios da zona: Os establecementos situados na zona están a sufrir unha importantísima caída de facturación e a dilación inxustificada dos traballos pode ameazar incluso a viabilidade dalgúns deles, sobre todo se, como todo empeza a apuntar, chégase á campaña de Nadal coas rúas levantadas e un ano de atraso nas obras”. Subliñou o representante da asosciación.