A Asociación de empresarios do centro da capital, Lugo Monumental, amosou esta mañá a súa satisfacción polo respaldo do Tribunal Supremo á postura do colectivo e que tomba a obrigatoriedade de amosar o certificado Covid para acceder ao interior dos locais de hostalería.
“A decisión da máis alta instancia xudicial do Estado, pon punto e final a unha discusión estéril en que sería absurdo seguir perdendo o tempo”, explican dende a asociación, que aseguran tamén que “non é momento de triunfalismos, senón de mirar ao futuro con prudencia pero cun moderao optimismo e sentido común”.
Doutra banda, Lugo Monumental valora moi positivamente a ampliación dos aforos anunciada pola Xunta de Galicia e que mellora a situación en xeral, “non só en relación ao decreto publicado o pasado venres, senón incluso ás medidas que estiveron vixentes durante o pasaporte Covid“.
O colectivo entende, así mesmo, que a administración reflexionou sobre as “duras restriccións” que se publicaron en previsión da anulación da esixencia do certificado de vacinación.