A asociación Lugo Monumental renuncia a levar a cabo o “Milagre” de San Vicente este ano. Tras unha reunión virtual coa adega Viliga, patrocinadora do evento, tomaron a decisión de suspender esta popular festa, “dado que non se poden garantir as máis elementais medidas de seguridade”. Dende a Asociación sinalan que “as aglomeracións son o primeiro problema a evitar neste escenario en que vivimos hoxe día, e como ademais se trata dun evento no que se consomen produtos alimenticios, como é o caso do viño, o que por tanto implica necesariamente retirarse a máscara, parece obvio que non é razoable levar a cabo a actividade por un elemental sentido da prudencia”.
De momento non se fixa unha nova data para este ano e se finalmente non se puidese celebrar, quedaría para o 2021 ” un ano crave ao ser Xacobeo e en que todos teremos que facer un especial esforzo para promocionar a nosa cidade”.