A directiva da Asociación Lugo Monumental reuniuse onte pola tarde coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o seu xefe de gabinete Óscar de la Parte. No encontro tratáronse moi diversos temas como o PEPRI, a peonalización e o tráfico, as actividades no centro histórico ou a localización da estación de autobuses.
Asemade, a asociación comunicou á alcaldesa que Lugo Monumental apoiará que o antigo cuartel de San Fernando dedíquese a Museo da Romanización, un cambio de postura que sorprendeu a Lara Méndez e a de la Parte xa que a asociación foi sempre favorable a dedicar ese inmoble a un Colexio Público.
Os representantes da asociación explicaron que aínda que a súa “aposta foi o Colexio” e que se segue considerando que sería “o ideal para o centro e para a cidade no seu conxunto”, xa que seguen tendo dúbidas sobre que o espazo de San Fernando sexa suficiente para un gran Museo da Romanización de Galicia, “en aras de buscar a unanimidade e unha postura común da cidade para que o edificio se poña a funcionar canto antes, súmanse á maioría que reclama o Museo”.
A alcaldesa felicitou á asociación polo que considerou unha postura “responsable e que vos honra”, ao considerar que é importante que “todos rememos na mesma dirección”.
A directiva da asociación tamén tratou coa alcaldesa e o seu xefe de gabinete outros moitos asuntos, entre os que destacou a intención de Lugo Monumental de aumentar as actividades na rúa para atraer aos lucenses ao centro histórico, unha postura que Lara Méndez comprometeuse a apoiar. O ton foi cordial e durante dúas horas tratáronse varios asuntos de interese, xa que o formato foi de reunión de traballo, que Lugo Monumental considerou moi produtiva.