Lugo Monumental considera básico establecer un sistema alternativo á ORA

Lugo Monumental, como asociación dos empresarios máis afectados polo tema da O.R.A. (xa que onde máis abunda é no centro da cidade), considera que a suspensión do sistema ORA é unha boa noticia para os lucenses. “Non parece moi razoable que os cidadáns teñan que pagar por aparcar nas súas propias rúas, que se financiaron cos seus impostos”.

Non obstante, a asociación entende que é importante establecer un sistema alternativo de racionalización de aparcadoiros, xa que pola contra pode darse a situación de que os mesmos vehículos estean varios días estacionados en prazas de aparcadoiro que son un ben moi escaso e necesario no casco histórico.

Lugo Monumental propón o establecemento de sistemas gratuítos de limitación de aparcadoiro, coa sinalización de máximos de media ou unha hora (dependendo da zona da que se trate) e a creación de zonas de aparcadoiro libre en áreas próximas ao centro, redeseñar mesmo estas para ampliar as prazas dispoñibles.

“A intención da asociación é facilitar a rotación de vehículos, que é a filosofía orixinal da ORA aínda que os anos converteron este sistema nunha mera fonte de ingresos para o Concello e as empresas que o explotan”, sinalou Luis Latorre, presidente da asociación.

Lugo Monumental tamén propón adaptar á cidade o exitoso modelo que funciona na cidade de Pontevedra, onde todas as prazas de aparcadoiro de superficie son gratuítas e soluciónase a situación con aparcadoiros alternativos e prazas de estacionamento limitado temporalmente. A creación de aparcadoiros alternativos non é sinxela na cidade, pero é un asunto que se ha de abordar sen dilación xa que é crítico para o funcionamento de todo o sistema de tráfico de Lugo.

“Doutra banda é fundamental racionalizar e clarificar os servizos de transporte urbano, mellorando a súa sinalización e frecuencias para que os lucenses utilicen máis o autobús como alternativa ao vehículo privado”, concluíu Latorre.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com