Lugo Monumental denuncia que Lugo “afaste o transporte” do casco histórico

A Asociación Lugo Monumental remitirá hoxe á consellería competente un estudo co que intentan demostrar que Lugo é “a única cidade de Galicia que afastará o transporte do centro histórico coa súa suposta intermodal”. Aínda que a intermodalidade, din, “ten evidentes vantaxes na xestión do tráfico de viaxeiros”, non é menos certo que debe lograr unha mellora nos transportes globais dunha cidade.

En case todos os casos analizados, o gran investimento que supón facer o traslado “pódese ver xustificado”. En Ourense, en Santiago e, sobre todo, en Vigo “ten lóxica a execución desta actuación”, xa que o punto de partida é o de estacións de tren máis céntricas que as de autobús, situadas estas últimas nalgún caso a unha distancia considerable dos centros urbanos. De feito, esas estacións foron situadas neses puntos para “afastalas” da cidade e que non entorpecesen o tráfico, pero hoxe demostrouse que a mobilidade require de distancias peonís abarcables polo que se desanda ese camiño.

Segundo Lugo Monumental, “é rechamante analizar que as estacións son relativamente recentes. A de Santiago foi construída en 1971, a de Vigo en 1988 e a de Ourense en 1990. O erro que supuxo edificalas nunha zona afastada do centro urbano, e que agora se pretende corrixir, é exactamente o mesmo que se quere cometer en Lugo. Sen dúbida foi un malgasto edificar instalacións desta natureza para unha duración tan curta como 49, 32 e 30 anos respectivamente”.

En vistas da asociación, a mellora que suporán as Intermodais das demáis cidades galegas radica en que permitirá aos viaxeiros alcanzar o seu destino final “camiñando”, polo que se reducirán “non só as emisións contaminantes dos transportes que non terán que utilizar, senón os custos dos devanditos traslados”. Por isto, “é evidente que desde o punto de vista económico, ecolóxico e de mobilidade esas intermodais teñen sentido”, defende a asociación de empresarios.

Pero precisamente, segundo Lugo Monumental, “esas vantaxes tórnanse en inconvenientes en Lugo, porque a situación de partida é diametralmente oposta”. A estación de autobuses goza, en vista dos empresarios da asociación,  “dunha localización privilexiada”, fronte á Muralla Romana de Lugo, en pleno centro da cidade. As reformas do transporte introducidas nos anos 80 e 90 que agora se pretenden corrixir non afectaron a Lugo, cuxa instalación data de 1965.

“O caso lucense ademais non só aumenta a distancia senón que, por mor da diferenza de cota, empeora a accesibilidade, o que é un aspecto crítico para un dos grupos máis grandes de usuarios da estación: os xubilados”, denuncia Lugo Monumental.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com