Lugo Monumental vén de denunciar que o Concello obriga aos praceiros a traballar 53,5 horas semanais fronte ás 40 reguladas no Estatuto dos Traballadores. Así o di o colectivo de empresarios que denuncia a distribución, hai poucos días, dunha circular na que o Concello “lembra” a obriga de cumprir o horario establecido na Ordenanza Municipal correspondente e que, segundo denuncian, “choca co máximo legal regulado no Estatuto dos Traballadores”.
“Contratar a unha persoa para cubrir a diferenza horaria non só non é viable economicamente na maioría dos casos, senón que ademais non resolvería o problema xa que a propia ordenanza obriga aos placeiros para prestar o servizo de forma persoal, salvo, llamativamente, ás persoas xurídicas”, explica o colectivo.
Lugo Monumental anuncia asemade que levará aos tribunais calquera sanción que se impoña a calquera dos seus asociados por este motivo e pelexará para modificar ese “disparatado” horario. A Asociación leva anos solicitando a reunión da comisión de prazas e mercados contemplada na Ordenanza sen éxito, a pesar de que a propia norma obriga a convocala a pedimento dunha das partes.
O colectivo lembra que tamén remitiron ao Concello suxerencias para a modificación da ordenanza que, “lonxe de ser tidas en conta, ignoráronse a pesar de ser reclamacións razoables para adaptar a ordenanza á realidade, o que actualmente non sucede”.
“É, sen ningunha dúbida, o principal problema que se abriu coa circular distribuída recentemente polo goberno local, en que se lembra aos industriais da Praza e o Mercado a obrigación que figura na ordenanza de cumprir os horarios de apertura que figuran no artigo 8.1 da ordenanza”.
“As prazas de abastos funcionan de mañá no seu conxunto, e aínda que é normal que se permita a apertura dos establecementos que o consideren oportuno fóra dun horario mínimo obrigatorio, é disparatado pretender que os industriais permanezan nos seus postos 53,5 horas, un 133% da xornada laboral legal, por unha mera cuestión decorativa, allea aos seus propios intereses”, explica Lugo Monumental.