Lugo Monumental e BNG propoñen recoñecer como BIC a Fonte de San Vicente

Os feitos ocorridos recentemente, no marco das festas patronais, na Fonte de San Vicente, na Praza do Campo de Lugo están a converterse nun debate socio político sobre as posibles medidas a tomar con respecto á protección deste ben patrimonial. Así, mentres PP e Lugonovo pedían onte vixilancia máis intensa na zona, os primeiros con cámaras de videovixilancia e os segundos con maior presenza policial, hoxe, era o BNG e Lugo Monumental quen daban un paso máis e propoñían o recoñecemento deste monumento como Ben de Interese Cultural (BIC) o que aseguraría unha protección maior da Fonte, por parte da Xunta de Galicia.

O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, manifestou a “preocupación” polo estado no que quedou a fonte de San Vicente. E sinalou a “desorganización absoluta” sobre a programación das festas de San Froilán. Arroxo dixo que “non é normal que onde se programan eventos non haxa responsables da organización das festas, nin se tomen as medidas de protección necesarias para previr graves incidentes co patrimonio ou con persoas”.

Arroxo anunciou que o BNG pedirá que “de inmediato” se comece o proceso para pedir o recoñecemento como BIC da fonte de San Vicente e do seu entorno. “Ademais das accións que ten que iniciar o concello, a Xunta tamén debe tomar cartas no asunto como responsable, que é, da protección do patrimonio material e inmaterial de Galicia” afirmou Arroxo e sinalou que “evidentemente non ten as mesma repercusión legal actuar contra un elemento patrimonial protexido coa categoría de BIC que subirse a unha fonte que non está protexida”. O voceiro do BNG explicou “estes feitos fan que todas e todos sintamos a necesidade de poñer en valor e protexer o patrimonio da cidade, por iso consideramos que pode ser un bo momento para empezar a traballar para que o casco histórico sexa declarado Patrimonio da Humanidade”.

Lugo Monumental rexistrou a petición

A asociación Lugo Monumental falou tamén na liña do BNG.  Se ben onte se remitía aos medios dende esta plataforma unha misiva na que se proxectaba a petición de cámaras de videovixilancia no centro histórico lucense. Hoxe, Lugo Monumental anunciou que o pasado domingo presentou no Rexistro Electrónico da Xunta unha petición para que se delcare esta fonte como BIC. Para a asociación, que os grupos municipais coincidan nas mesmas peticións que eles “demostra que a preocupación polo patrimonio común non coñece de siglas e confiamos en que tal variedade de apoios supoña que se toman, por fin, medidas”.

Lugo Sen Mordaza

Deste tema opinou tamén a Plataforma Lugo Sen Mordaza, que se amosou completamente contraria á colocación de cámaras no centro da cidade. “En Lugo sen Mordazas estamos en contra de que as solucións sempre sexan represoras, por suposto sempre polo noso ben, e contextualizando o que pode transformarse nunha sociedade, xa en marcha, hipercontroladora a través dun complexo sistema de videovixilancia, espionaxe, redes sociais… ao fervor de escándalos como o transvase de datos de empresas como Facebook, Google… a axencias de espionaxe; a detección de rostros automatizados como en China (en proxecto noutros estados) ou, en xeral, o férreo control de estados e empresas, fronte á privacidade “.

Para a asociación a solución definitiva pasa por regular a actuación policial “de xeito expreso” e antepoñendo a vía do diálogo á multa, “algo que podería quedar para casos de reincidencia”. “Cremos que a solución sempre ten que ser o sentido común e a educación” opina a plataforma que lembra que a “anécdota convertida en noticia do día” que ocorreu na fin de semana rematou cando dúas persoas que presenciaron os feitos, decidiron chamar a atención dos homes que bailaban sobre o monumento e baixaron sen problema.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com