Lugo Monumental ven de denunciar o dobre raseiro que aplica o Concello de Lugo no tocante á instalación de pantallas xigantes para ofrecer eventos deportivos. Segundo a asociación o que vale para unhas zonas da cidade prohíbese noutras e sinala ”asiste sorprendida a unha nova mostra de que o que o Concello de Lugo aplica nunhas zonas prohíbeo noutras, marxinando unha vez máis ao centro, que en noutras cidades é o lugar onde se coidan máis as actividades. Mentres hai menos dun mes denegaba o permiso para instalar unha pantalla xigante na Praza de Santa María para ver o partido Lugo-Sporting de Xixón, atopámonos con que no so se permite senón que financia unha de maior tamaño en Augas Férreas”.
E continúa ”a asociación quere deixar claro dende o primeiro momento que, como ocorreu noutras ocasións, defende con total contundencia o dereito de calquera entidade para organizar actividades en calquera punto da cidade. Sen embargo, felicitando aos compañeiros de Augas Férreas, non podemos menos que denunciar que o concello utilice unha dobre vara de medir e permita nunhas zonas o que denega noutras, usando un criterio totalmente arbitrario.
A escusa que o concello utilizou para non permitir a pantalla xigante en Santa María en dúas ocasións foi que se podía danar a piscina romana. Poren, a pobreza deste argumento é evidente por dúas razóns totalmente incontestables: a primeira é que nas dúas ocasións nas que se instalou dita pantalla (unha, por certo, instalouna o propio concello non houbo ningún incidente, e a zona non sufriu dano algún. A segunda é que con tomar unhas básicas medidas de protección (a máis obvia, valar a piscina), dito argumento cae polo seu propio peso.
Para maior sarcasmo, o “informe técnico” ao que se aferra o goberno local fala de que si se danou a piscina romana durante un Arde Lucus e durante un venres de “movida”. Sen embargo non parece que se tomara medida algunha para protexer este valioso ben cultural nas fins de semana, nin que se variara a programación de Arde Lucus evitando o uso da praza.
É dicir, que se prohibe o que non danou a piscina pero permítese o que admiten si a danou.
Lugo Monumental vai pedir o expediente administrativo da concesión de dita pantalla, así como a xustificación do gasto para ter información de primeira man e, se fora necesario, actuar en consecuencia. “Temos demostrado en varias ocasións que non nos treman os pulsos para actuar como consideramos que hai que facelo”.