Lugo Monumental inicia unha campaña de rexeitamento á Intermodal

A asociación Lugo Monumental dará inicio, durante esta semana, a unha intensa campaña “motivada polo profundo malestar que existe no tecido empresarial do centro histórico” polos plans para trasladar a estación de autobuses a unha localización próxima á actual estación de tren. A asociación tilda esta obra da Intermodal de “falsa e innecesaria”.
Para Lugo Monumental, aos lucenses “vendéusnos unha obra faraónica totalmente innecesaria. Fálasenos dunha suposta estación intermodal que non é tal, xa que o proxecto actual é de dous edificios separados e non dun único inmoble, que é a natureza esencial dunha intermodal. En resumo, o que se nos propón é demoler o actual edificio da estación de autobuses para construír outro preto da estación de tren, o que é, ademais dun malgasto, un absurdo porque se empeora notablemente a súa accesibilidade“, recalcan dende a asociación.
Segundo afirma a asociación se a solución que propoñen as administracións para unir a Intermodal ata o centro da cidade pasa pola modificación das liñas de autobús urbano, igual de sinxelo e “lóxico” podería ser unir as dúas estacións co mesmo sistema.
A asociación asegurou que tras unha profunda análise dos datos achegados pola Xunta de Galicia no seu documento Estudos previos Terminal Autobuses – Estación Intermodal Lugo, pódese concluir “inequivocamente” que o traslado da estación é un erro, xa que os propios datos da Xunta recoñecen importantes cuestións como que mentres o 54% dos viaxeiros que usan a estación de bus acceden a ela camiñando, só o 16% dos usuarios da de tren fan o mesmo.
Doutra banda, e segundo a lectura feita pola asociación, o estudo tamén conclúe que a localización actual da estación de autobuses está moito mellor comunicada que a proposta.
Lugo Monumental iniciará esta semana unha campaña que se baseará en accións para difundir as vantaxes da localización actual da estación de autobuses e unha recollida de firmas para manifestar a oposición ao traslado da estación.
A campaña concretarase en recollida de firmas tanto físicas como virtuais (en change.org, tamén accesible desde a dirección firmas.lugomonumental.es) e difusión da súa postura ante as administracións implicadas e o público en xeral.
Asimismo, a asociación solicitou unha entrevista coa Conselleira Ethel Vázquez, responsable da área; solicitude que, polo momento, non recibiu resposta. Do mesmo xeito, Lugo Monumental vén de habilitar a páxina estacionbus.lugomonumental.es onde se pode baixar o estudo realizado que xustifica a postura defendida pola asociación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com