A asociación de empresarios lucenses, Lugo Monumental, invita aos máis pequenos da cidade a gozar dun Samaín moi especial. Neste ano, no que todas as celebracións se viron afectadas en maior o menor medida pola pandemia, Lugo Monumental quere seguir adiante con esta xenlleira tradición. Segundo indican dende a asociación “foi unha decisión difícil” levar a cabo esta festividade e, aínda que “conscientes das limitacións que a situación sanitaria nos obriga a cumprir por normativa e por sentido común”, dende a asociación confían en que a responsabilidade de todos “axude a que os nenos podan gozas desta festa”.
Con todo, a asociación elimina do seu programa todas as actividades que puideran supoñer concentracións de xente. Así, a asociación propón a realización de visitas guiadas, en grupos de 5 persoas, levadas a cabo pola guía oficial de turismo, Ana Mª Quintas, que terán lugar os días 30 e 31 ás 20:00 horas. Visitaranse a Muralla e o exterior da Catedral dando as claves que levaron a ambos os monumentos para converterse en Patrimonio da Humanidade, e terminará a visita falando da tradicional festa de Samaín en Galicia.
Se en 2019 houbo un escenario do terror en que os nenos podían facerse unha foto dentro dun cadaleito, en 2020 preparouse un fondo máis grande que o anterior (de 2,5 x 3 metros) que estaría atendido por unha bruxa, dada a temática elixida para este ano. “Con todo, a prudencia obríganos a modificar este punto da programación e en lugar de instalar o escenario na rúa colocaremos o gráfico, obra do artista Jesús Crende, autor da serie Lugo Apocalíptico, no escaparate dun local que xenerosamente nos cedeu o seu uso”. Trátase de Cortinajes Carlos na rúa San Froilán, ao que, entre os días 30 de setembro e 1 de novembro, os lucenses poderán acudir para fotografarse fronte ao fondo deseñado por Crende en que se pode ver unha terrible imaxe da Catedral de Lugo destruída.
Por último, e á vista do “gran éxito” que tivo o Truco ou Trato do ano pasado, desde Lugo Monumental anuncian que repetirán esta actividade. Así os nenos, ataviados cos seus disfraces aterradores, irán polos locais colaboradores a trocar o seu bo comportamento por doces. Cada local disporá dunhas cestas de Samaín para agasallar aos nenos. Os locais que participarán desta iniciativa anuncianse na páxina web da Asociación.
“Estamos nun momento complicado, en que a situación sanitaria é delicada e é complexo organizar actividades que equilibren a atracción de público e o respecto ás precaucións; por outra banda é moi duro para os nenos e as súas familias ver como tras un verán estraño e unha volta ao cole peculiar, vanse cancelando as festas e celebracións que tanto esperaban”, alega a asociación, que “tenta equilibrar” con estas actividades estes dous aspectos tan confrontados: a seguridade e o goce dos máis pequenos da casa.
Samaín é a festa do oculto, o día en que o mundo dos vivos está máis preto do dos defuntos e se as actividades do pasado ano centráronse no mundo vampírico, esta edición do Samaín de Lugo Monumental, centrarase na maxia. Desde a tradicional meiga galega ata os feitizos de Harry Potter, “queremos celebrar cos máis pequenos da casa a ilusión dun mundo que transcenda a realidade”.