O anuncio por parte do Concello de Lugo do proxecto do novo pavillón polideportivo, fixo caer a Lugo Monumental nunha vella reivindicación da asociación de recuperar o antiguo pavillón da OJE, abandonado dende fai décadas en pleno corazón do casco histórico da cidade.
Segundo explica a asociación, a Xunta de Galicia parece ser propietaria de parte do inmoble, sendo o resto propiedade privada. Lugo Monumental propón así que a administración autonómica sexa a responsable de “esforzarse” en lograr a titularidade completa. “Unha vez rehabilitado, este edificio sería un complemento magnífico para diferentes actividades deportivas, adestramento e, incluso, uso por parte de centros educativos do casco histórico que, en moitos casos, adolecen de instalacións deste tipo”, din dende a asociación.
Certo é que, como resalta Lugo Monumental, o tamaño desta instalación non permitiría a celebración de competicións de moitos deportes, pero “sería unha fantástica instalación nun lugar envexable e que serviría para o desenvolvemento de innumerables eventos de todo tipo, dada a escaseza de locais amplos e cubertos na cidade”.
A chave pode estar no PEPRI
A reforma do PEPRI, un tema pendente no Concello de Lugo dende hai décadas e chave para o desenvolvemento do casco histórico, axudaría, en opinión de Lugo Monumental, a que se aclarasen os usos desta parcela e facilitaría a súa adquisición. En todo caso, explican, “parece lóxico que se preste atención non só ás novas dotacións, que insistimos en que nos parecen positivas para a cidade (aínda que quizáis deberían estar situadas en lugares máis accesibles andando), senón a recuperación das xa existentes que non só están en estao de abandono e ruína senón que ademáis ocupan un espazo moi preciado do noso casco histórico”.