A Asociación Lugo Monumental non presentará finalmente alegacións contra a desprotección do edificio de Correos da estación de ferrocarril. Así o anunciou o propio colectivo logo de revisar o expediente xa que,segundo afirman, puideron comprobar que as razóns técnicas expostas para a devandita desprotección son máis que razoables.
A ficha do Plan Xeral que recolle a protección da estación de ferrocarril describe pormenorizadamente o edificio da propia estación, pero deixa fóra claramente ao de Correos, así o explica a asociación de empresarios do casco histórico. Ademais, a fotografía que ilustra dita ficha tamén inclúe exclusivamente ao edificio principal, polo que consideran que “todo apunta a que a representación gráfica da área protexida foi un mero erro facilmente explicable pola proximidade de ambos os inmobles e a súa confusión sobre plano”.
Segundo declara nun comunicado aos medios a plataforma, a decisión que toman non supón “ningún paso atrás” na defensa que a asociación fai sobre o “inoportuno” de trasladar a estación de autobuses a unha futura Intermodal.
Ademais, explican que a súa renuncia a presentar alegacións a este tema é froito dos criterios de “independencia, rigor e seriedade” que, din, “caracterizan a esta asociación”, que analizou a documentación chegando á conclusión de que a protección do edificio de Correos, considerada nun primeiro momento pola asociación como eixo fundamental da súa posible alegación, “foi un erro gráfico que agora se emenda”.
Con todo, o colectivo si está a estudar se o nivel de protección ambiental descrito no Plan Xeral, é compatible coa edificación dunha nova gran estrutura que “fagocite á actual estación” para presentar alegacións no momento oportuno.
Desde a Asociación consideran que é “un grave erro, que aínda estamos a tempo de evitar”, a construción dunha Intermodal “totalmente inútil” xa que o esforzo ha de facerse, di o colectivo, para conseguir conexións ferroviarias e mellorar as instalacións das estacións de bus e tren actuais. “Consideramos que se está confundindo a dirección dos esforzos e que Lugo precisa de trens antes de exporse unha obra faraónica que podería acabar como o icónico aeroporto de Castelló, sendo un cascarón baleiro que custaría unha enorme suma de diñeiro público”, explican.
A reunión mantida recentemente coa Conselleira, Ethel Vázquez, e os contactos que Lugo Monumental mantén con empresas do sector do transporte por autobús reforzan a súa postura, xa que, din, “é unánime o clamor para non retirar o servizo de autobuses interurbanos da súa actual localización”, debido a que é a dirección en que se traballa
desde o punto de vista da mobilidade e a ecoloxía.
Exemplos
“A nova Intermodal de Vigo ten sentido porque vén acompañada dun servizo ferroviario e de autobuses razoable, e ademais achegou os transportes ao centro da cidade, permitindo que os viaxeiros prescindan doutros medios secundarios para chegar aos seus destinos (a estación de bus de Vigo moveuse cara ao centro)”, alega a asociación Lugo Monumental.
Outro exemplo que pon o colectivo é na Coruña, “mantense a localización da nova estrutura onde estaba o ferrocarril, pero isto obrigou a construír unha nova dársena nos xardíns de Méndez Núñez (a chamada parada “ entrexardíns”) para liquidar a conexión co centro da cidade. É rechamante que os argumentos expostos no estudo destas dársenas coinciden ao 100% coas formulacións que Lugo Monumental defende desde o ano 2013 e que son opostos á planificación que se está levando a cabo en Lugo e que esperamos poder cambiar”, explica Lugo Monumental.
Dende a asociación convidan aos lucenses a ler o estudo deste último proxecto “ou polo menos a súa presentación” que, segundo explican, recolle en poucas liñas a filosofía defendida por Lugo Monumental.