Lugo Monumental organiza unha campaña de crowdfunding para colaborar co Arde Lucus

Tras o éxito da iniciativa do pasado ano, e tras presentar a proposta ao Concello nunha reunión mantida coa concelleira Carmen Basadre, a asociación Lugo Monumental volverá a organizar unha campaña de colaboración coa edición 2015 de Arde Lucus.

O funcionamento será idéntico ao do ano pasado. Durante estes días distribuirase unha carta ás empresas do casco histórico (entendido como tal o abranguido pola Muralla de Lugo) en que se solicitan cantidades moi pequenas, de 20 euros para comercios e 50 euros para locais de hostalaría.

O total do recadado destinarase a aboar algunhas actuacións do Arde Lucus. O pasado ano financiáronse as actuacións da Fundación Anade, o Fauno e SonsSuévia.

O sistema baseouse na técnica de financiamento colectivo (crowdfunding), permite que cunha pequena achega de cada local a cifra final sexa razoable, tendo en conta os malos tempos que viven as empresas, sobre todo o pequeno comercio e a hostalaría.

Como todas as iniciativas de Lugo Monumental que supoñen achegas económicas, o pagamento realízase a traveso da conta bancaria da asociación, “xa que iso permite efectuar un control transparente, rigoroso, e obxectivo”. O prazo para que os establecementos ingresen a súa achega rematará o próximo martes día 26 de abril.

Os locais colaboradores recibirán un distintivo que os identificarán como tales. Tamén se lles facilitará unha versión dixital para poder incluílas nas súas páxinas web e redes sociais, e figurará o seu nome na relación que se poderá consultar na web oficial www.ardelucus.com.

A recadación ábrese tanto a socios como non socios de LugoMonumental en igualdade de condicións, xa que dende a asociación sinalan que todas as empresas do casco histórico “deben colaborar con esta modesta achega a unha das festas máis importantes do noso calendario, rivalizando mesmo con San Froilán”.

Unha vez finalizada a campaña e pasado Arde Lucus, enviarase a todos os locais colaboradores un resumo de ingresos e gastos, coas facturas correspondentes, para que se poida comprobar a transparencia de todo o proceso.

Ata o último céntimo do recadado se utilizará en actividades do Arde Lucus ao igual que ocorreu o pasado ano.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com