Lugo Monumental pídelle ao Concello que recapacite sobre o desvío de tráfico pola Rúanova que previsiblemente terá lugar hoxe mesmo, segundo os anuncios realizados polo goberno local.
Tanto a asociación de empresarios do centro histórico, como a recentemente creada plataforma de veciños da zona, “a oposición e o sentido común coinciden en considerar un grave erro o plan municipal de facer transitar o tráfico rodado por unha rúa estreita e totalmente peonil como
Rúanova, habendo outras alternativas”
As alternativas que presentou Lugo Monumental ao plan municipal son:
Utilizar San Fernando como entrada e saída de vehículos e, ao avanzar as obras, Montevideo e Bolaño Ribadeneyra. E á vista dos condicionantes esixidos polo Goberno Local, propúxose o plan alternativo de usar Quiroga Ballesteros deseñado polo arquitecto Anxo Sánchez.
“Ambas as opcións demostran que é posible evitar o uso de Rúanova, unha rúa que a día de hoxe resultará problemática para o tránsito de vehículos en gran número”.
Lugo Monumental quere insistir, ademais, en que “se debería reformular tanto o plan de tráfico das obras como o resultado final das mesmas, xa que o deseño do centro histórico que se reflicte nos proxectos, ocultos ao gran público (non están na web municipal e só son accesibles na páxina de contratación do Estado, aínda que Lugo Monumental púxoos ao dispor do público na súa web) non supón unha auténtica peonalización”.
A Asociación solicita ao Concello que “paralice as obras e abra un proceso de diálogo en que os axentes sociais poidan dar a súa opinión sobre unhas obras que supoñerán unha reforma en profundidade dunha parte importante do recinto amurallado e que se planificaron de costas aos afectados”.