Lugo Monumental e o PP piden información para os usuarios e medidas sobre a ORA

Na mañá de hoxe Lugo Monumental afirmou que puido comprobar que o precintado dalgunhas máquinas da ORA foi roto, polo que estas están a funcionar con normalidade, o que segundo sinalan dende a asociación, é moi probable que cause confusión tanto aos propios lucenses como aos turistas que, en pleno mes de agosto, visitan a cidade con maior afluencia.

Dende Lugo Monumental sinalan que a suspensión do sistema ORA é unha boa noticia, “pero hase de completar con dous medidas básicas”. En primeiro lugar, piden a desactivación das máquinas expendedoras. Actualmente seguen funcionando xa que contan con paneis solares, e o precinto instalado pola policía local hai poucos días xa ten desaparecido en varios casos. “Esta desaparición de os precintos pódese deber a actos vandálicos ou a intereses espurios”.

En segundo lugar, propoñen información aos cidadáns. “A retirada da sinalización vertical é claramente insuficiente, xa que as rúas seguen pintadas coas liñas azuis que son amplamente coñecidas polos usuarios, tanto locais como os visitantes. Isto fai que a reacción normal de calquera persoa que descoñeza a actual situación da ORA sexa achegarse á máquina expendedora de tíckets. Se a que ten máis próxima carece de precinto e ademais funciona perfectamente, o lóxico é pagar por un servizo que está suspendido. Se pola contra a máquina está precintada pero non hai aviso ningún o razoable parece buscar outra máquina, xa que non hai ningún cartel que avise”.

Lugo Monumental, que aplaude a suspensión deste servizo, entende que ten que mellorar moito a información prestada aos usuarios, e que o precinto das máquinas con fitas de doada eliminación non é suficiente. “Débense inhabilitar dunha forma máis segura e tamén sería recomendable inhabilitar as máquinas durante o tempo que dure a suspensión”.

Pola súa banda, o concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, reclama ao goberno municipal que proceda “de oficio” á devolución da parte proporcional da ORA dende a súa anulación aos lugueses con tarxeta de residente nas rúas con zona azul.

Nesa liña, o responsable de Tráfico e Mobilidade explica que “tanto aqueles usuarios que teñan tramitado a tarxeta para un trimestre como para o ano enteiro, teñen dereito a que non se lles cobre un servizo que está anulado”. Deste xeito, Antonio Ameijide indica que “ademais de ser un agravio comparativo con respecto ao resto de usuarios, están a ser privados da reserva de espazo pola que pagaron ben para un trimestre ou ben para un ano enteiro”. “Que non lles pase como co recibo do lixo, do que aínda a día de hoxe segue sen devolver a parte correspondente aos días da folga, por máis que insistimos”, sinalou.

Asemade, o popular instou aos socialistas en caso de non aceptar a proposta do GMPP para facelo de oficio, a “cando menos habilitar formularios-modelo na web municipal e tamén en papel no edificio administrativo, co obxectivo de facilitar este trámite aos lucenses”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com