A asociación Lugo Monumental propón ao Concello de Lugo que se redacte e aprobe no menor prazo posible (tendo en conta os requisitos legais en canto a períodos de exposición pública e demais), unha nova ordenanza sobre festas locais.
“Sería a solución máis sinxela ao problema legal que está actualmente sobre a mesa respecto ao nivel de ruído xerado polas festas, e tamén podería dar resposta a outras cuestións habituais en diferentes citas. Hai anos que isto está sobre a mesa. Durante este tempo o único paso que se deu por parte do Concello (por parte do anterior equipo de goberno) foi redactar unha nova ordenanza de contaminación acústica que crea máis problemas de os que resolve (Lugo Monumental presentou fai máis dun ano 22 alegacións de as que non volvemos a ter noticia a día de hoxe). Ante os inconvenientes sobre dita norma, meteuse o proxecto nun caixón e seguimos cos mesmos problemas que hai 36 meses”, sinalan.
Lugo Monumental afirma que o problema ten unha solución sinxela. “Se o Concello non está disposto a facer unha modificación puntual da Ordenanza de Contaminación Acústica nin a aprobar unha nova, a medida máis evidente é aprobar unha ordenanza diferente: unha ordenanza sobre festas locais”.
Ademais de que unha nova ordenanza podería modificar puntualmente outras anteriores, “co que se podería establecer un horario de ruídos diferente para as épocas festivas, poderíase dar solución a outras moitas formulacións como o tráfico, a seguridade, os permisos para instalar postos, sen entrar a modificar unha por unha as ordenanzas relativas a cada tema”.
Para esta edición das festas xa é imposible a aprobación da devandita ordenanza, pero o calendario local recolle máis citas como o Arde Lucus, Semana Santa, San Xoan e a ordenanza proposta recollería todas as cuestións relativas ás devanditas celebracións.