Lugo Monumental propón ao Concello que prepare medidas para as diferentes fases do desconfinamento

A asociación Lugo Monumental rexistrará esta maña un escrito no que solicita ao Concello que vaia planificando diferentes medidas, algunhas das cales se poidan ir implementando inmediatamente.

Tráfico peonil:

De acordo á proposta do concelleiro Rubén Arroxo, que Lugo Monumental ve moi acertada, “os peóns deberán transitar polas beirarrúas dereitas das rúas e, en vías peonís, polo lateral dereito da vía. A finalidade disto é evitar na medida do posible o cruce frontal de peóns, o que colaboraría a reducir os riscos”.

Dende Lugo Monumental proponen “que se indique con sinais temporais para que os peóns sexan conscientes destas cuestión”.

Reducir carrís ao tráfico rodado:

Lugo Monumental suxire que “en vías amplas, como poden ser Ramón Ferreiro ou a Ronda da Muralla, se reduzan os lugares onde hai dobre carril a un so, de forma que se amplíe o espazo para os peóns”.

En Ramón Ferreiro propoñen “a distribución de tráfico que xa se utiliza nas festas de San Froilán de varios anos, o que deixaría un dobre carril nun dos laterais da avenida e unha amplísima zona peonil no outro”.

Na Ronda da Muralla propoñen que, “polo menos os fins de semana e en función das necesidades de tráfico, se reduzan os carrís a un só, de forma que os lucenses teñan máis zonas habilitadas para paseos”.

Vixilancia de aparcamento:

Durante estas semanas houbo certa flexibilidade no relativo ao aparcamento en zonas de carga e descarga, algo lóxico dada a situación. Sen embargo esa relaxación empeza a influír negativamente nos servicios de distribución de mercancías e reparto. Lugo Monumental suxire “unha campaña informativa (sen sancións) que recorde as limitacións de aparcamento aos usuarios”.

Ampliación temporal de terrazas:

Dado que a hostalería é un dos grandes colectivos afectados pola situación actual e que a cidadanía só poderá facer uso dos seus servicios de forma parcial nas terrazas, Lugo Monumental solicita ao Concello “que se autorice ampliar o espazo entre as mesas das terrazas, permitindo ocupar máis espazo do que actualmente teñen concedido revisando caso a caso que non se estorbe o paso de peóns, vehículos de emerxencia ou demais situacións a ter en conta”.

Tamén planteará que “se estudie a posibilidade de instalar terrazas temporais en prazas, explotadas por hostaleiros locais”. Neste senso a asociación “confía en que o Goberno central recapacite sobre os plans anunciados e que en lugar da capacidade das terrazas teña en conta as distancias e as medidas de protección (mamparas e similares). Asemade solicitará ao Concello que aprobe modificacións das ordenanzas vixentes para permitir aos hostaleiros a instalación de elementos de protección que a día de hoxe serían inviables polas normativas municipais”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com