A asociación Lugo Monumental propón ao Concello de Lugo que visibilice ás empresas que perduran no tecido económico da cidade, como xa se fai noutras.
Hoxe en día, segundo a asociación, é complicado manter á boia unha pequena empresa por causa da crise da que aínda non se recuperou a economía doméstica, a falta de substitución xeracional, a competencia das novas tecnoloxías e os centros comerciais… Todos eles son desafíos aos que se enfrontan os locais día a día, tal e como os nosos compañeiros de Lugo Céntrum denunciaban recentemente.
“Conscientes desta situación, desde Lugo Monumental consideramos que os locais de sempre só poderán sobrevivir se se toman medidas drásticas para repoboar o centro histórico, ponse en funcionamento a reforma do transporte público e déixase de privar a esta zona dos servizos que lle dan o seu carácter central como é o caso da estación de autobuses”, explica a asocación.
Pero ademais das medidas prácticas que se han de executar, tamén hai un compoñente simbólico, o do encanto do arraigamento e a experiencia. Nese sentido a asociación propón ao Concello de Lugo unha campaña de posta en valor das empresas locais con máis soleira, enfocada en tres vías principais: ás empresas con máis de 25 anos poderán obter un diploma acreditativo, as que conten con máis de 50 aniversarios tras de si, a parte do diploma, aconsellan colocarlles un distintivo na súa fachada. Por último, para aquelas empresas que conten con máis de 100 anos de experiencia, ademáis do anterios, Lugo Monumental propón que o Concello estableza unha placa na propia vía diante do local.
Entre outras medidas, a asociación propón tamén que se faga unha web na que estean presentes todas as empresas de máis de 25 anos e unha guía onde poder descubrir as empresas máis senlleiras da cidade.