A asociación Lugo Monumental rexistrou esta mañá un escrito dirixido ao Concello de Lugo no que solicita que leve a cabo unha reparación e a restauración dos bancos do casco histórico.
Tras o inverno, segundo considera esta agrupación, é imperativo que os lugares de descanso que hai na zona amurallada estean nas mellores condicións, xa que, explican, “son moitos os lucenses que co bo tempo saen a pasear e precisan de lugares onde facer un alto, e de forma gratuita”.
Pero aí non queda a cousa, en palabras da asociación tamén precisan “dunha posta a punto” outros mobiliarios urbanos como farolas ou papeleiras. Para Lugo Monumental, o máis “acuciante” é a restauración dos bancos xa que o seu mal estado impide o seu “uso normal”, o que non ocorre con outros elementos cuxas deficiencias son cuestión de “estética”.