Lugo Monumental reclama aos gandeiros o desbloqueo da Ronda

A Asociación Lugo Monumental únese á petición que facía a semana pasada a Confederación de Empresarios de Lugo, aos gandeiros que manteñen os seus tractores na Ronda. A CEL reclamaba o punto e final da tractorada e, agora, Lugo Monumental secunda a solicitude. David Fernández, o recen elixido presidente da entidade, explicou en declaracións a Lugo Si radio que mantivo contactos co seus asociados e que “relacionan o descenso nas vendas coa presenza de tractores na Ronda”.

Dende a asociación de comerciantes e hostaleiros do casco histórico aseguran que apoian as manifestacións dos gandeiros reclamando un prezo xusto polo leite, e inicialmente “asumimos os prexuízos que nos deparaba o bloqueo da Ronda da Muralla” pero a situación actual “parécenos insostible, sobre todo tendo en conta que non somos responsables directos nin indirectos da situación económica das explotacións leiteiras” nin contan con mecanismos que permitan solucionar a situación dos gandeiros.

Do mesmo xeito, David Fernández lembra que “os nosos negocios son pequenos, en moitos casos facturamos menos que unha explotación gandeira, e sufrimos a crise coma eles. E a nosa actividade económica non pode estar supeditada á permanencia dos tractores de forma continuada na Muralla”. Polo tanto, a entidade reclama ao colectivo Agromuralla “que desenvolvan vías de reclamación compatibles coa actividade económica doutros sectores, como é o comercio e a hostalaría”.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com