A asociación convoca o X Premio Lugo Monumental de animación de rúa, unha cita xa consolidada para atraer ao centro histórico ás cuadrillas que celebran o Entroido e que foi suspendida por mor da pandemia.
Entregaranse 1.000 euros en tres premios ás agrupacións ou comparsas que máis animen o centro histórico da cidade.
Lugo Monumental convoca no día de hoxe o X Premio Lugo Monumental de Animación de rúa, que terá lugar entre os días 9 e 13 de febreiro coa colaboración dos locais do centro histórico.
Como todos os anos, este premio está pensado para atraer ao centro ás cuadrillas que celebran o Entroido e que enchen as rúas do colorido, a música, e por que non, a irreverencia propia desta época.
Tal e como recollen as bases publicadas hoxe, entenderase como “animación” calquera actividade que as agrupacións participantes consideren oportuna (música, teatro, monicreques, monólogos, maxia, xogos infantís…) e que contribúa a crear diversión e ambiente rueiro no centro histórico de Lugo. Poderanse ter en conta as mellores cancións, disfraces ou presentacións, pero o que máis pesará será a animación creada nas rúas do centro.
Como inscribirse? É moi sinxelo:
Para optar ao premio os participantes deberán enviar un correo electrónico ao enderezo asociacion@lugomonumental.es ou unha mensaxe de Whatsapp ao número 644 637 444 cos seguintes datos:
- Nome do grupo
- Número aproximado de participantes
- Descrición da animación
- Nome dunha persoa de contacto, teléfono e enderezo electrónico
- O prazo de inscrición abrirase no momento da publicación destas bases e finalizará o día 8 de febreiro ás 23:59 horas.
- A inscrición é gratuíta.
Cada agrupación designará a un representante, que será o único interlocutor válido coa Organización para todos os efectos. En caso de resultar premiada, a agrupación faculta expresamente ao representante para recoller o premio obtido.
PREMIOS
Establécense tres premios:
- 1º Premio: 12 vales de 50€ por un importe total de 600,00 euros
- 2º Premio: 6 vales de 50 € por un importe total de 300,00 euros
- 3º Premio: 2 vales de 50 € por un importe total de 100,00 euros
Os premios entregaranse en vales de 50,00 euros trocables nas case 150 empresas asociadas a Lugo Monumental.
Quen vota aos grupos?
Os locais participantes son os que emitirán os seus votos, polo que é importante que os grupos se centren en animar as zonas onde se sitúan os 28 xuíces. Entregaráselles unha listaxe de locais con dereito a voto.
Haberá un mapa de Google coas localizacións.