Lugo Monumental rexistrará en breve un escrito dirixido á Alcaldesa de Lugo en que solicitará que se volva ao sistema anterior para o pago da iluminación do Nadal. O pasado día 24 de novembro a asociación rexistrou un escrito “solicitando información sobre a iluminación, xa que en 2014 acendeuse tras a ponte de decembro achacando a responsabilidade á empresa instaladora, cando realmente asinouse o contrato o día 9 de decembro segundo se pode ver no mesmo”.
Lugo Monumental lembra que no Nadal de 2014 “Lugo foi, xunto a Ourense, unha das cidades máis tardías en toda España en acender as luces do Nadal e das poucas que non luciron estes adornos durante a ponte da Constitución”. “Neste 2015 segue sen anunciarse formalmente a data de aceso, pero que se fixa (entre o 15 e o 18 de decembro), co que segundo a opinión de moitos lucenses que visitan os nosos negocios en Lugo non parece Nadal”.
Para o comercio lucense o Nadal é a campaña máis importante do ano. Todo o que se poida facer por promover o ambiente festivo e axudar a animar aos potenciais clientes a pasear polas rúas do centro histórico e ir vendo opcións e facendo pedidos é pouco.
A asociación quere “ofrecer a súa colaboración, xa que sempre que se lle pediu, o comercio colaborou economicamente coas luces, polo que, parece pouco adecuado que agora se aduzan problemas orzamentarios para atrasar as luces do Nadal”.
Por todo iso, Lugo Monumental solicitará “que se regrese ao sistema anterior, para lograr así que o centro histórico luza as súas luces do Nadal desde antes da ponte de decembro, como é tradicional e como fan a maior parte das cidades españolas”.