Lugo, noticia nacional

Os que vivimos en lugar modesto da xeografía nacional levamos unha sorpresa grata cando nos grandes medios nacionais, se menciona Lugo sen que corresponda a un desastre, unha morte ou unha especial inclemencia climatolóxica, suspirando porque de repente nos enteremos de algún acontecemento ou circunstancia que redunde na mellora da vida do noso colectivo humano.

Iso non abunda porque sendo a cuarta provincia en case todos os aspectos, dunha autonomía modesta, das situadas moi abaixo na lista das comunidades hispanas, as novas que de Lugo se asoman á xeografía nacional son pouco esperanzadoras.

Hai uns días, Lugo foi centro de atención nacional, pero  o meu corazón deu un pulo cando souben que das dez peores estradas de España, tres son galegas, e dúas delas lucenses. Ningunha outra comunidade ten tantas estradas terroríficas coma a provincia de Lugo

Segundo Eurorap, programa europeo de evaluación de estradas de titularidade estatal, o número 9 das peores estradas de España corresponde aos 10,5 km. da N.640, que levan de Monterroso ao límite con Pontevedra, xa que desde que entra en Pontevedra xa non é perigosa. E o peor tramo de toda España son os 8,2 kilómetros en Ribadeo, na estrada N.642, que van desde o cruce coa N.640 (a mesma de Monterroso) ata o cruce coa 634.

Con motivo do remate do ano, temos contemplado absortos as infinitas publicidades de melloras nas vías de comunicación que dependen dos concellos, da Deputación, da Xunta…e xa botamos en falta que faga o mesmo o Goberno nacional, non só pola solución destes gravísimos abandonos, senón pola pura sensación de que pensan en nós como futuros votantes nas próximas eleccións que vaian celebrarse, xa non digamos se se confirma a posibilidade de que coincidan nun domingo de maio as eleccións municipais, europeas e xerais, que poden significar unha hecatombe para quen sabe que forzas políticas. Cando xa nos tiñan convencidos que vivíamos na terra mellor comunicada de España, recibimos esta descorazonadora nova. Posiblemente non nos quede máis solución que a que daba aquel vello político dos contos diante dunha crítica sobre unha estrada: “Pois menos viaxar, e máis leer a prensa”. Pois xa saben.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com