O Concello de Lugo perdeu no último ano unha subvención de 42.200 euros do Ministerio de Cultura para a promoción e difusión da Muralla. Así o denunciou esta mañá o Partido Popular que pedirá explicacións, na comisión correspondente, dos motivos polos que o Goberno Local renunciou a estes cartos, logo de que o proxecto presentado polo Concello fora seleccionado entre outros 29 de todo o Estado para ser levado a cabo.
Para os populares “ter chegado a esta situación é, por un lado, un desprezo absoluto para os lucenses xa que, logo de ter concedido o diñeiro non se utilizou para potenciar a Muralla e, por outro lado, supón unha incongruencia ter feito un traballo e facer un esforzo para optar a unha axuda que logo se desbota sen máis”.
Tras coñecer esta nova, os populares cuestionaban as “políticas municipais” en torno á posta en valor do monumento e consideraban que “é o momento” de “apostar pola difusión cultural, por atraer visitantes” tras as perdas económicas destes últimos meses.