A Plataforma Lugo por Palestina convocou para esta tarde unha concentración por motivo do partido entre o Breogán e o Hapoel, un equipo de baloncesto equipo israelí, ás 18.30 horas na entrada da Facultade de veterinaria. Tamén protestarán pola prohibición do Breogán a entrar no Pazo con simboloxía palestina e contra a guerra.
“Desde Lugo por Palestina lamentamos que a presenza dun equipo israelí veña a alterar a convivencia nunha cidade absolutamente pacífica que vai a sufir unha blindaxe policial que, ademais de causar trastornos e molestias, correrá á conta do erario público”, sinalaron nun comunicado.
Dende a plataforma engadiron que “a cifra actual de nenas e nenos asasinadas por Israel en mes e medio equivale ao número de asentos dos que dispón o Pazo Provincial. Por iso, esiximos que se garanta o exercicio dos dereitos e liberdades constitucionais, permitindo protestar pacificamente a aquelas persoas que desexen facelo”.
Esta asociación aproveitou o comunicado para pedir ao goberno central e ás autoridades deportivas “a prohibición aos equipos israelís de participar nas súas competicións, especialmente as europeas, mentres Israel continúe realizando o xenocidio contra o pobo palestino, mentres siga ocupando ilegalmente o seu territorio, e mentres non sexan sentados na Corte Penal Internacional (CPI) para ser xulgados por crimes de lesa humanidade”.
Comunicado da Vicepresidencia da Deputación
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo emitiu un comunicado no que condearon calquera restrición do dereito da cidadanía á protesta pacífica.
“A exhibición de bandeiras de estados recoñecidos pola Organización de Nacións Unidas, como é o Estado Palestino, non incita á violencia nin ao odio. É o símbolo do dereito a existir dun Estado lexítimo”, afirman.
Aproveitaron tamén para condear os ataques á poboación civil palestina e pedir o cese ao fogo e unha saída pacífica do conflito.