O Concelleiro de Deportes e Infraestruturas Urbanas, José Manuel Díaz Grandío, e o xuíz árbitro do XIII Campionanto de España de Tenis en Cadeira de Rodas por Comunidades Autónomas, José Andrés Pereiro, presentaron este venres no Salón de Plenos esta competición deportiva, que se celebrará o vindeiro sábado, domingo e luns, 10, 11 e 12 de outubro nas pistas municipais de Frigsa.
O Concello colabora con esta iniciativa organizada pola Real Federación Española de Tenis xunto á Federación Galega de Tenis. Ao acto tamén asisitu un representante da selección galega e xogador de Lugo, José Manuel Ramil. “Este campionato supón un novo impulso para o tenis, que en Lugo ten unha ampla afiliación federativa e non federativa”, subliñou o edil, quen manifestou o seu desexo de que o tenis siga gañando adeptos en Lugo, “e máis aínda coas aportacións que se foron incorporando nos últimos anos, como a pista de tenis cuberta de Frigsa”.
Na presentación, Díaz Grandío tamén fixo fincapé na importancia deste certame deportivo que busca promover o deporte adaptado como unha actividade de vida saudable ao tempo que agradeceu o esforzo dos organizadores por conseguir que Lugo sexa sede deste campionato.
3 xornadas de tenis
O campionato de España de tenis en cadeira de rodas é a competición por equipos máis importante a nivel nacional. Nesta ocasión, daranse cita en Lugo os mellores xogadores a nivel nacional, procedentes das federacións de Cataluña, Extremadura, A Rioxa, Madrid e Galicia. A competición arrincará o día 10 ás 16:30 horas coa primeira ronda. Logo, o sábado terán lugar as semifinais a partir das 16:00 horas e o luns 12 a final, dende as 09:30 horas. Á marxe dos encontros realizaranse tamén obradoiros de formación así como unha xornada de tenis na rúa.
O tenis en cadeira de rodas é unha disciplina deportiva de pleno dereito quedando patente coa súa inclusión neste 2015 como unha máis das disciplinas que se desenvolven ao amparo da Real Federación Española de Tenis, deixando de estar supervisada pola Federación Española de Deportes de Persoas con Discpacidade Física.