Lugo queda outro ano máis sen praia fluvial

Un ano máis Lugo queda sen praia fluvial. A Xunta de Galicia sinala que o informe que remitiu o Concello de Lugo a esta Delegación Territorial “non fai máis que ratificar as conclusións dos múltiples informes elaborados polo Servizo de Patrimonio Natural da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e, polo tanto, o forte impacto ambiental que tería a instalación das piscinas fluviais nesta zona do río Miño, polo que resulta imposible atender a solicitude feita polo Goberno local”.

A presenza na zona de baño dun número considerable de exemplares destas dúas especies de mexillón de río protexidas -entre 20.000 e 22.000 exemplares de P. Littotalis e entre 4.000 e 5.000 de U. Delphinus- valida plenamente as conclusións dos informes desfavorables emitidos por técnicos de Patrimonio Natural.

Esta estimación veríase incrementada, nun número de exemplares non cuantificado, coa poboación de exemplares xuvenís e adultos de pequeno tamaño que se encontran completamente enterrados no substrato e que, como consecuencia, non puideron ser detectados na prospección.

Ademais, o Servizo de Patrimonio Natural sinala que se incumprirían as prohibicións que se derivan da inclusión destes dous tipos de mexillóns no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, xa que a instalación das infraestruturas para a zona de baño implicaría a perturbación do medio natural durante os vindeiros 25 anos e os seus períodos reprodutivos, que no caso de ambas as dúas especies abranguen de marzo a outubro.

Unha das cuestións nas que incide a Dirección Xeral de Patrimonio Natural é que na documentación aportada polo Concello de Lugo non se acredita debidamente a inexistencia doutra solución ou alternativa á proposta do Goberno municipal. Ademais, fai fincapé en que tampouco se fai referencia a cales serían as circunstancias que xustificarían a excepcionalidade ás prohibicións e medidas de protección e conservación establecidas para estas especies na lei, entre as que figura a súa traslocación.

Outro dos aspectos recollidos no informe remitido polo Concello de Lugo é que “a zona de baño presenta profundidades máximas próximas a 3 metros de profundidade, con máis do 60% da área con profundidades superiores á 1,5 m”. Tal información obtense das prospeccións feitas pola empresa nos meses de maio e xuño de 2023, das que se deduce que na zona elixida para a instalación das piscinas unha porcentaxe significativa da canle ten unha profundidade inferior a 1,5 metros.

Pero esta porcentaxe, previsiblemente, verase incrementada na época de maior estiaxe, provocando que as instalacións flotantes se apoien, nalgún momento, no leito do río, circunstancia que se considera inadmisible polo dano ambiental que provocaría.

Por conseguinte e en base aos datos aportados polo Concello e ás conclusións dos informes realizados polo propio Servizo de Patrimonio Natural, resulta imposible atender a proposta do Goberno local. Esta Delegación Territorial reitera, unha vez máis, o seu ofrecemento a que técnicos deste servizo colaboren tanto co Concello como coa CHMS, na busca dunha solución alternativa que posibilite a instalación dunha zona de baño no río Miño ao seu paso por Lugo que minimice o seu impacto ambiental.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com