O Concello de Lugo resultou beneficiario dunha subvención de máis de 381 mil euros achegados dende o Goberno do Estado nunha liña de axudas aprobada para paliar as perdas de viaxeiros no transporte urbano durante o confinamento.
O Tenente Alcalde e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, explicou que se ben na primeira semana de marzo de 2020, antes da pandemia, os buses urbanos de Lugo contabilizaban preto de 9000 pasaxeiros diarios, mentres que, durante a última semana do mesmo mes, xa confinados nos fogares, os usuarios deste servizo sumaban pouco máis de 1000 diarios.
E, neste senso, os populares do Concello de Lugo presentaron hoxe unha nova moción, que defenderán no vindeiro pleno, pedindo a entrada en vigor da gratuidade dos transbordos e do bus para menores, xubilados e persoas con escasos recursos.
Unha proposta que xa fora aprobada con anterioridade no pleno e que, polo momento, o Goberno lucense aínda non levou a cabo. Asemade, os populares pedirán ao responsable de Mobilidade que a súa área cree unha aplicación móbil para planificar rutas e poder ver en tempo real onde se atopan os autobuses.
Os populares tamén defenderán a convocatoria urxente e inmediata da mesa de transporte para poñer sobre a mesa as eivas detectadas pola cidadanía e recollidas polos populares neste servizo.