O Concello abriu hoxe o prazo de solicitude para a celebración das cacharelas de San Xoán, unha tradición que se recupera, logo de dous anos de pandemia.
As organizacións ou particulares interesados en organizalas poden acceder ás instancias na sede da Policía Local e solicitalas até o próximo xoves, 23 de xuño, segundo recolle o bando ditado pola Alcaldía esta mesma mañá.
Un documento no que se indican as normas ás que deben axustarse as fogueiras e no que se contempla a prohibición da queima de rodas e cubertas de goma, plásticos ou calquera derivado de hidrocarburos, así como de materiais ou produtos contaminantes, fedorentos ou tóxicos. Tampouco estará permitido lanzar foguetes.
Tal e como sinala o texto, os lumes deberán afastarse de localizacións nas que existan liñas eléctricas, inmobles, zonas verdes ou xardíns e tampouco poderán realizarse no Centro Histórico nin en emprazamentos que entrañen algún tipo de perigo para a poboación.
Ademais, as persoas responsables das mesmas deberán, á súa finalización, retirar do lugar da celebración todos os restos que queden unha vez rematado o evento coa advertencia de que, en caso de incumprimento dalgún destes termos, o Servizo de Extinción de Incendios, a requirimento da Policía Local, procederá a apagala de inmediato.