Lugo reivindica a loita pola inclusión das persoas con diversidade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e membros da Corporación municipal de Lugo, asistiron este venres á lectura do manifesto con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que cada ano se celebra o día 3 de decembro. Ao acto, que tivo lugar ás 13:00 horas na Praza Maior, diante da Casa Consistorial, asistiron reprsentantes das distitas asociacións que día a día trabllan por mellorar a calidade de vida deste colectivo de persoas.

Nesta ocasión o manifesto foi lido por Maribel Canto Polanco e interpretado por Laura Valadares, ambas as dúas da Acción Lucense de Xordos (ALUSOR), que en nome das preto de 30 asociacións en Lugo que loitan polos dereitos e liberdades das 14.663 galegas e galegos con diversidade funcional, fixo un chamamento á responsabilidade e aos poderes públicos e privados para manter un sistema educativo, sanitario e social, de tipo público e descentralizado, eliminando calquera tipo de barreiras, tanto arquitectónicas como de comunicación e promovendo o uso da linguaxe de signos para atender a persoas xordas, co fin de facelo funcional a cada individuo. O documento tamén recolle unha chamada ao sector empresarial e pequenos comercios para que fomenten a accesibilidade universal.

No manifesto tamén se felicitaba a toda a cidade de Lugo pola distinción que obtivo Lugo nos Acces City Award, un logro conxunto, que serve para seguir avanzando ata alcanzar a accesibilidade plena no municipio lugués. “A loita dos dereitos das persoas con discapacidade é unha responsabilidade colectiva de todos e todas para a súa plena normalización”, concluíu o documento. Moitas das asociacións que asistiron a lectura deste manifesto estarán presentes no Mercadillo Solidario Diversiarte, organizado este ano por ALUSOR e ALUME, coa colaboración do Concello, onde se pode atopar a información dos servizos que ofertan, así como mercar os produtos que realizan nos seus talleres.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com