Os próximos días 12 e 13 de abril a cidade de Lugo acollerá un encontro internacional que atraerá a mozas e mozos de catro países (España, Francia, Portugal e Reino Unido) para abordar distintas iniciativas en materia de emprendemento e creatividade.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, acompañado dos responsables da empresa Vida Láctea, un dos socios internacionais deste proxecto europeo e entidade que xestiona o albergue xuvenil Lug2, presentaron en rolda de prensa o programa das actividades que se desenvolverán principalmente en distintas instalacións da Xunta.
Pero a iniciativa AYCH (Atlantic Youth Creative Hubs) é moito máis ampla e ademais da conferencia internacional do próximo mes de abril buscará crear na cidade de Lugo unha incubadora de emprendemento, isto é, un espazo no que a mocidade poida deseñar, promover, dar forma e desenvolver o seu proxecto laboral.
Ao longo dos próximos tres anos a iniciativa AYCH incluirá tamén unha rede de intercambios profesionais internacionais, distintos programas de formación e mentorización así como a organización de obradoiros e charlas maxistrais sobre proxectos innovadores de éxito.
Atlantic brainstorming: creatividade e emprego
No que respecta ao encontro internacional do mes de abril, desenvolverase no edificio da Delegación territorial da Xunta en Lugo e incluíra distintas actividades, a primeira delas, un encontro dos socios europeos do proxecto, entre os que atopamos á Escola de Diseño de Nantes ou o concello de Xixón.
Xa dentro da programación directamente deseñada para os mozos se inclúe o Atlantic Brainstorming, un espazo de debate e intercambio de ideas onde distintos expertos e profesionais presentarán os seus proxectos en ámbitos tan diversos como o da industria audiovisual, o deseño 2D/3D, moda, electrónica e programación, youtobuer, ecoloxismo (redución de plásticos nos océanos)… en definitiva, modelos de negocio creativos.
A conferencia incluirá tamén un espazo +14, para mozos menores de 18 anos nos que distintos escolares, a través dun xogo de rol, abordarán tamén distintas iniciativas para a mellora da empregabilidade e a creación de proxectos creativos.
O encontro internacional abrirá mañá o seu prazo de inscrición gratuíta a través da plataforma EvenBrite, na que se reservan 260 prazas. Inclúe innumerables vantaxes xa que os gastos de manutención correrán a cargo da organización, existen bolsas de aloxamento e inclúe a certificación oficial de asistencia.
En resume, toda unha experiencia centrada en cuestións vinculadas á mocidade desde o punto de vista da innovación, a creación de produtos empresariais creativos e a mellora da empregabilidade.