A área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte queda, por primeira vez en meses, libre de casos covid en UCI. Malia que poida semellar unha boa nova, que o é, o certo é que o ritmo de contaxios continúa estable en cifras altas e o descenso de casos activos freouse na última xornada dando, incluso, un paso atrás.
Así, no último informe publicado polo SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde do mércores, Lugo conta con 2702 casos activos, cifra que supón 30 persoas máis que na xornada anterior. Un retroceso na mellora que vén dado, en parte, polo estancamento no ritmo de contaxios E é que, dende o pasado martes, os positivos covid sumaron máis de 200 casos novos diarios. Na última xornada, a provincia rexistrou 215 positivos, algo por baixo dos 221 do mércores pero superando, en pouco, os 211 do martes.
Para máis inri, os servizos sanitarios galegos notificaron poucas altas conforme ao que tende a ser habitual no último mes. Tan só 181 persoas recibiron a alta médica nas últimas horas, moi por baixo dos 400 de media que se viñan rexistrando na última semana. Así, dende o inicio da pandemia son 48.289 as persoas que superaron o virus.
Con todo, no outro lado da balanza están as 306 persoas que perderon a vida logo de seren diagnosticados con covid dende marzo de 2020. O último deceso notificado na área sanitaria foi o dun home de 75 anos.
No tocante á presión asistencial, non só mellora en críticos, que queda libre de pacientes covid, senón que tamén o fai en unidades convencionais. Así, por hospitais, o HULA suma 30 pacientes covid, mentres que os hospitais comarcais (Mariña e Monforte) contan con 8 pacientes cada un.