A Plataforma Lugo Sen Mordazas ofrecerá Contacontos de Rúa, un pequeno espectáculo para tódolos públicos dunha hora de duración, o vindeiro luns 10 de setembro na Praza do Castiñeiro e o martes 11 na Praza de Augas Férreas, ambas citas ás 17:30h. A Plataforma segue programando actividades co obxectivo de demostrar a necesidade dun espazo público libre de ánimo de lucro, onde se ofreza cultura e lecer de balde e destinado a xerar verdadeira convivencia e comunidade entre a veciñanza, “xusto o contrario da privatización das prazas e rúas que suporía a aprobación da Ordenanza Mordaza proposta polo PSOE e apoiada por PP e Ciudadanos”.
Nesta ocasión, a través dunha mesa e unha maleta aparecen catro relatos diferentes, con todas as personaxes feitas a man e cos elementos de acompañamento consistentes en tecidos e materiais naturais. “Este tipo de narración de mesa axuda a facer imaxes mentais da historia, e é unha forma sinxela de estimular a imaxinación e creatividade”, explica Susana Paz, promotora desta actividade. “En todo momento buscamos a complicidade e interacción coa xente, pois o obxectivo primordial de tódalas nosas actividades é destacar a importancia de reforzar os vínculos entre a veciñanza e de compartir e disfrutar colectivamente do espazo urbano”.
O primeiro conto será o do Polvo Aurelio, quen nos mergullará no fondo do mar para narrar as aventuras de Nadarín e de Leo Lioni; seguirá a fada de Tarambaina que aparecerá en busca dos seus tres gatiños, que deberá atopar coa axuda das amigas e amigos do público; continuará ES TI, unha fermosa historia onde aprendemos a recoñecernos; e remataráse cun relato onde volvemos precisar da colaboración de varias das persoas asistentes para converterse en monicreques.