O Concelleiro de Deportes, Jose Manuel Díaz Grandío, acompañado por Rubén Morán, organizador do evento, e por Jorge Justo, presentaron esta mañá a a carreira de obstáculos extremos máis importante de España, a Farinato Race.
Desta maneira, a cidade de Lugo é a primeira de Galicia en acoller esta proba que se celebra o sábado 23 de maio no parque do Miño e que nada ten que ver coas rutinarias competicións de running, maratóns ou etapas atléticas convencionais. A Farinato Race pon a proba o corpo e a mente para sacar o maior partido ao valor e aos límites de cada atleta convertendo os paraxes urbanos en auténticos campos de batalla.
Díaz Grandio informou que “se agarda que ese fin de semana se acheguen moitas persoas de diferentes puntos de España a coñecer Lugo e a participar nesta carreira que é a única que se realiza en Galicia”. Ademais, anunciou que a clínica Polusa apoiará con asistencia médica este evento e tamén se sumará esa asistencia a todas as competicións do circuíto Corre Con Nós.
Pola súa parte, Rubén Morán, explicou que os participantes enfrontaranse a pirámides de gran altura, saltos imposibles, pasos de barro, lume, pasarelas de arame de espiño de longa distancia, carga de pesos e moitas máis probas. Esta ademais é a única etapa española no circuíto internacional de carreiras de obstáculos The Obstacle Course Racing World Championship OCR que se celebra en Estados Unidos e á que asistirán os dez primeiros clasificados do ranking Farinato Race de España.
Ademais tamén ofrece unha etapa infantil na que os máis pequenos poderán correr un circuíto de probas e coa súa inscrición colaborarán coa asociación Pyfano que traballa con menores que sofren cancro. As inscricións poden realizarse na web www.farinatorace.com .