O Tenente Alcalde do Concello de Lugo mantivo unha xuntanza coa portavoz do Goberno de Pontevedra e concelleira de Réxime Interior, Contratación e Promoción da Cidade do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías Torreiro, na que falaron sobre a participación de Lugo na Placemaking Week Europe 2022, que se celebrará en Pontevedra no mes de setembro.
“Lugo participará neste congreso de mobilidade para mostrar como estamos a facer fronte aos retos de mobilidade do presente e do futuro”, afirmou o segundo edil, que engadiu “todas as cidades están a avanzar de cara a unha mobilidade sostible, poñendo ás persoas no centro e apostando polo transporte público e os medios de transporte alternativos”.
Anabel Gulías, portavoz do goberno de Pontevedra, destacou que “de cara a este evento buscamos coñecer cidades que están a marcar un antes e un despois na transformación urbana, traballo como o que están a facer desde a área de Mobilidade do Concello de Lugo”. “Realizaremos unha actividade arredor dos procesos de transformación urbana de Lugo e traballaremos para que Lugo sexa un dos exemplos protagonistas do evento”, afirmou.
Lugo acudirá á Placemaking Week Europe 2022 para presentar o proxecto de cidade posto en marcha pola área de Mobilidade nos últimos anos.
A Placemaking Week Europe é a maior xuntanza a nivel europeo sobre urbanismo e planificación de mobilidade. Anualmente, compártense experiencias e maneiras de traballar entre as distintas cidades participantes.
A primeira edición da Placemaking Week Europe foi en 2017, en Amsterdam, e realizouse tamén en Estocolmo e Valencia. Este ano chega por primeira vez a Galiza, organizada polo Concello de Pontevedra, e reunirá a máis de 400 expertos en mobilidade.