LugoSi radio estrea o espazo de debate Estoa

A edil de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua Carmen Basadre, o voceiro do BNG-Asembleas Abertas, Rubén Arroxo e o ex edil do BNG Xosé Chorén inauguraron esta tarde un novo espazo de debate en Lugo Si radio. Trátase de Estoa, programa que se emite en directo de 19 a 20 horas de luns a xoves dende os estudos da emisora e polo que pasarán multitude de persoeiros da cidade e da provincia para abordar asuntos de actualidade política e social de interese para os lucenses.

O obxectivo é facer un repaso en profundidade polos principais temas que preocupan á sociedade, as propostas e medidas que poñen en marcha os gobernos así como a versión que ofrecen os grupos políticos da oposición. Do mesmo xeito acudirán representantes de colectivos e asociacións lucenses.

Neste caso, os participantes debateron sobre temas como os orzamentos do Concello de Lugo para este ano, a reivindicación do BNG sobre o incumprimento do acordo plenario para limitar a 30 quilómetros por hora a velocidade da cidade ou o mal estado das instalacións do antigo Hospital Xeral, onde xa se comezaron a producir desprendementos do teito.

A Ronda, peonil

Basadre, Arroxo e Chorén coincidían en que Lugo ten que camiñar cara a peonalización da Ronda da Muralla, “o monumento debe ser peonil e hai preservalo como mínimo 2000 anos máis”, matizaba a edil socialista e, mentres tanto, aplicar esa proposta realizada anteriormente polo grupo nacionalista para reducir a velocidade da circulación na zona urbana.

Arroxo explicaba que poderían existir certas zonas, como a avenida Duquesa de Lugo, que poderían estar exentas dese límite de 30 quilómetros por hora e argumentou que “as cidades que están avanzando son as feitas para as persoas, cun tráfico calmado” e puxo como exemplo o caso de Pontevedra. Un modelo, dixo, que permite “reducir as emisións de dióxido de carbono, evitar os atropelos, asegura a convivencia das bicicletas ou mesmo crear itinerarios escolares, nos que os nenos e nenas poidan ir sós ao colexio”.

Basadre asegurou que en pouco tempo se constituirá a mesa de traballo para abordar o plan de mobilidade e recoñeceu que a baixada da velocidade na zona urbana “é algo demandado, necesario e así o necesitamos na nosa cidade, que ten que ser tamén unha zona de expansión para a xente amante da bicicleta, ou que a cidade poida ser máis humanizada, onde convivamos peóns e tráfico”. Unha medida, a da redución do ritmo da circulación que para Chorén “ten que estar inserida na forma de deseñar a cidade”.

En canto a ese proxecto de futuro polo cal a Ronda sería só transitable para os peóns, Chorén dixo que xa hai precedentes na cidade. “Non é que o digan os técnicos, é que o dixeron os tractores, que estiveron dous meses e convivimos e funcionou todo, a Ronda estivo bloqueada e sen ter un plan de mobilidade que absorba o fluxo de tráfico”, dixo, e convidou a Basadre a “recoller o guante e trasladarllo ao goberno para que se poña a traballar con este obxectivo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com