A veciñanza de Lugo leva anos esperando ver algún avance no novo auditorio, tras meses de pasarse a pelota entre Concello e Xunta de Galicia para saber a quen lle tocaba equipar este edificio parece que, por fin, chegaron a un acordo. Así o anunciou hoxe o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou a autorización da sinatura dun convenio de colaboración entre ambas entidades para que a administración autonómica asuma o pagamento do equipo escénico do novo auditorio da cidade.
Máis polo miúdo, Feijóo explicou que o acordo recolle que a Xunta destine máis de 3,5 millóns de euros a equipar esta infraestrutura, así como ao seu mantemento durante este ano. A cambio deste pagamento a Administración autonómica estará exenta de pagar o Imposto de bens inmobles correspondente a cinco centros sanitarios e socios sanitarios durante os vindeiros catro anos: o Hospital Lucus Augusti, a residencia das Gándaras, o centro Curros Enríquez, o centro Rúa Fontenlo e o centro Fontiñas. Así mesmo, o Concello de Lugo debe
realizar as xestións para obter os permisos, licenzas e autorizacións e asumir os labores de mantemento.
Logo de lembrar que este edificio se construíu grazas a un investimento de 20 millóns de euros, dos que o 95% foi financiado con fondos da Xunta, nunha das actuacións máis importantes do Plan Hurbe, o responsable do Executivo autonómico subliñou que se ben os terreos son de titularidade autonómica, o edificio, cuxa construción foi rematada en 2016, pasará a ser de titularidade municipal.
O Auditorio de Lugo dispón dunha superficie de 20.000 metros cadrados, que se reparten en varias salas: a principal, con capacidade para 900 espectadores; unha destinada á celebración de conferencias e concertos, con capacidade para 300 persoas; lugares habilitados para actividades teatrais, escola de música e mediateca; espazos de uso común,
cunha cafetería e zona de información e venda de entradas; ademais dunha área destinada a acoller congresos e exposicións.
Feijóo concluíu subliñando que este convenio, que se asinará ao longo das vindeiras semanas, inclúe tamén a constitución dunha comisión de seguimento que velará polo cumprimento das obrigas.