O Grupo de Traballo promovido desde a Delegación territorial da Xunta en Lugo celebrou esta tarde a súa última reunión tras acadar o obxectivo de completar a totalidade dos xeodestinos da provincia de Lugo. No encontro, presidido polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participaron os alcaldes e representantes dos municipios interesados en sumarse a esta iniciativa e o responsable de Turismo da Deputación provincial.
Deste xeito o cen por cen da provincia de Lugo terá formalmente constituído un xeodestino de referencia, como ferramenta para a promoción turística conxunta e como medio para acceder ás axudas que convocan as distintas administracións con este fin, en particular, a axencia de Turismo de Galicia.
Aos xeodestinos que xa estaban en funcionamento da Mariña lucense e da Ribeira Sacra, súmase agora dous novos, completando a totalidade da provincia, tras acordarse a constitución dos xeodestinos da Montaña lucense (Ancares-Courel) e das comarcas centrais (Lugo, Terra Cha, Sarria e A Ulloa).
Lugo como destino conxunto, diferenciado, completo e de calidade
Balseiro valorou positivamente este novo paso xa que logo o turismo, cada vez en maior grado, está chamado a converterse nunha das grandes oportunidades de crecemento económico e por iso é preciso seguir mellorando a promoción dos atractivos das distintas áreas e da provincia no seu conxunto.