Lugo xa ten representantes para competir nos IV Xogos Romanos das Cidades Augusteas da Gallaecia, que acollerá a cidade o vindeiro 26 de maio. A fase luguesa disputouse este sábado, en xornada de mañá, na Casa da Xuventude. Esta actividade enmárcase na programación do Arde Lvcvs Cvltvral, organizada polo Concello en colaboración coas asociacións de recreación histórica da cidade, co obxectivo de quentar motores para o Arde Lvcvs.
A Concelleira de Cultura, para a que estes xogos supoñen unha oportunidade de celebrar unha xornadas de convivencia entre as dúas cidades augusteas, entregou os premios ás nenas e nenos gañadores da fase luguesa. Ademais todos os participantes recibiron un diploma.
Os Xogos Romanos, dirixidos aos centros educativos, favorecen o razoamento lóxico matemático, o afianzamento da concepción espacial e a introdución de conceptos como a identidade histórica e o patrimonio cultural dos participantes. Engloban distintos xogos de taboleiro: o Ludus Latrunculorum, o xogo do soldado; o Merellus, o xogo do muíño e o Seega.