LUGO…NON PERDAS O TREN segue sumando apoios

A Plataforma Lucense LUGO…NON PERDAS O TREN, ven de emitir un comunicado, onde subliña que continua recibindo adhesións. Aos máis de vinte concellos, Deputación da provincia, 24 colectivos sociais, empresariais e profesionais, así como diversas asociacións veciñais que non forman parte da Federación Provincial de Asociacións de Veciños, “hai que sumar tamén gran número de particulares que chaman interesados en colaborar coa Plataforma, concienciados coa situación ferroviaria da Provincia”.
Na liña de traballo que está a levar a cabo a Plataforma Veciñal para lograr os  obxectivos que se plantexou, o comunicado resalta que “estámonos reunindo cos representantes lucenses electos ao Congreso dos Deputados.

O pasado xoves día 7 de abril, reunímosnos co Deputado do Partido Popular Joaquín María García Díez, a persoa que tivo que ver na posta en servizo dos dous novos servizos en cada sentido de Lugo a Madrid e viceversa” e continua “ comprobamos a vontade do deputado e a valoración positiva das demandas que desde Lugo fai a Plataforma en relación cos servizos ferroviarios da provincia e a Intermodal, entre outros asuntos solicitámoslle que continúe o seu traballo como valedor das demandas non atendidas ata agora, como:  lograr que os trens MD paren en todas as estacións da provincia, mellorar os tempos de percorrido, ofertas de prezos especiais en billetes,  avances claros na Intermodal, lograr que Lugo non sexa estación de partida, que sexa un punto intermedio entre A Coruña ou Ferrol e o punto de destino para lograr unha rendabilidade no servizo e ao tempo evitar gastos”.

Os representantes da Plataforma van seguir con estas xuntanzas, así o vindeiro xoves día 14, ”reunirémonos con Margarita Pérez Herrainz e Ricardo Varela do grupo PSG-PSOE e en data próxima aínda sen definir con Miguel Anxo Fernán Vello do grupo En Marea”.

Con respecto a carta de Fomento, a Plataforma entende que ” é un avance na nosa demanda, pero insuficiente, deben de ser melloradas as ofertas e non condicionalas á compra de billetes con antelacións de 2 ou 4 meses, xa que é moi difícil programar viaxes con tanta antelación; non fala das paradas no resto de estacións da provincia, non fala do FEVE, nin se fala da Intermodal”, remata.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com