Lugonovo acusa ao goberno local de “claudicar” a favor das empresas

Os edís de Lugonovo resumen de forma sinxela o ano de agarda que acumula a redacción das taxas que propuxeron para gravar ás compañías telefónicas e ás distribuidoras de enerxía pola ocupación que fan do espazo público coas súas infraestruturas: “Son feitos probados. O executivo local claudicou a favor das grandes empresas no
canto de loitar polos intereses da cidadanía”.

“A perplexidade é máxima cando hoxe se nos convida, directamente, a que elaboremos nós a propia ordenanza, botando man da xa recorrente falta de persoal”- relata a portavoz da formación, Cristina Pérez Herráiz, tras saír da Comisión de Seguimento sobre o Cumprimento dos Acordos Plenarios celebrada esta mañá. “Esto xa parece o Concello Ikea: a mellor resposta que teñen é a do faino ti mesmo. O próximo será que tamén acometamos nós as obras!”.

Cristina Pérez Herráiz recorda que “a primeira escusa do estilo chegou en marzo, baixo o pretexto de que o departamento encargado da súa elaboración se atopaba traballando noutros tributos: no prezo público dos comedores escolares e nas modificacións do 152 (Aproveitamentos Especiais da Vía) e do 203 (IBI), para adecuar o primeiro ás últimas sentenzas xudiciais e para darlle cabida, no segundo, ao Convenio co que se financiará o equipamento do Auditorio. Mais cos tres textos xa rematados agora non hai desculpa que valla”, advirte.

O nivel de execución é nulo, tanto neste caso como no do resto de iniciativas que presentamos, así que xa vai sendo hora de chamarlle ás cousas polo seu nome e desenmascarar a este goberno, que non fai nada porque, en realidade, non quere”, reprocha a voceira.

“Somos conscientes de que a redacción desta nova regulamentación, en tanto esixe reunir unha gran cantidade de datos, non será tarefa sinxela nin rápida mais se existe noutras localidades, será que tampouco é inasumible. O problema é que non se trata dunha prioridade para este Concello a pesares de que permitiría, moi posiblemente, unha recadación anual superior ao millón de euros”, lembra Pérez Herráiz. “Ter en vigor unha normativa coma esta axudaría a mellorar o saneamento das arcas municipais e serviría tamén para rematar co agravio comparativo que se mantén respecto doutros negocios. Mágoa que o executivo non estea disposto a facer ningún esforzo e prefira seguir instalado na comodidade descansando noutros a responsabilidade de xestionar”, conclúe a portavoz de Lugonovo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com