Lugonovo concretou esta tarde mediante rolda de prensa, os motivos que os levaron a romper negociacións no día de onte cos socialistas. Para eles non foi so unha cuestión de desacordo no tocante á rebaixa dos custo da parte política do goberno municipal, (aínda que foi o principal motivo polo que decidiron non entrar no executivo local), senón que tamén acusaron aos socialistas de “non querer entender a mensaxe que lles mandaron aos lucenses, nin tomar a Lugonovo en serio”, sinalou Bernardino Pardo.
Asemade, explicou que ” o PSOE non quixo rebaixar ata o custo que nós lle propuxemos, que xa era moi inferior ao que lle plantexamos nun principio, cedendo nós, e pasando do 50% inicial da nosa proposta, ao 31,8%. Priorizan outras cousas que non son os servizos cidadáns e polo tanto non podemos chegar a un acordo con eles, aínda que loitaremos ca mesma forza dende a oposición que se formáramos parte do goberno”, puntualizou
Pola súa banda, Santiago Fernández Rocha, acusou aos socialistas de “estar desorientados, non saben que facer co futuro deste Concello, ou eso pareceume a min nas negociacións. Nunca vimos deles unha proposta adecuada en base a algo concreto, sempre nos falaron de xeneralidades, e nunca de cousas concretas”.
“Os nosos eixes programáticos”, continuou, ” eran entre outros, a rexeneración da vida política e a súa dignificación. Esiximos a saída de Orozco, un plan de transparencia, e por último unha rebaixa dos custos políticos no Concello, cousa que nunca foi ben vista polo PSOE. Nós o único que queremos é sintonizar cas necesidades dos veciños, e pensamos que con dez cargos e medio (que na realidade serían once, xa que non se pode por lei contabilizar un e medio, asunto que xa rectificou o Concello esta tarde), e doce asesores é máis que suficiente para que a Corporación poida funcionar”.
Asemade, Cristina Pérez Herráinz, manifestou o descontento da plataforma coa decisión do Concello de non manter a bandeira que simboliza ao colectivo de gays, lesbianas e transexuales durante a conmemoración que tiveron lugar o pasado domingo, “cando gobernos socialistas e ata populares de todo o país si que fixeron”.
Do mesmo xeito, Pérez explicou que a proposta do Partido Socialista era “inadmisible”. “Ofrecéronos dous postos de dedicación exclusiva, dous contratos para asesores, e dous concelleiros se apoiabamos a súa proposta. Eso para Lugonovo e a xente que representamos é inaceptable, xa que o PP acada tres aínda perdendo concelleiros”.
Bernardino Pardo explicou que a diferenza entre a proposta de Lugonovo e a dos socialistas é de 500.000 euros. “Non parece moito, pero si o é nunha cidade que ten moitas carencias”. Por último sinalou que “se a asemblea de Lugonovo chega a celebrarse, estamos case seguros de que a maior parte da xente votaría ‘non’ a entrada da plataforma no goberno municipal en estas condicións”, concluíu.