Lugonovo advirte que o Concello estará “abocado”, tamén en 2018, a elaborar un novo Plan Económico e Financeiro senón corrixe as eivas que lastran a tramitación da facturación aos proveedores. “Esta mesma mañá, o propio interventor municipal trasladaba un aviso á Xunta de Goberno, alertando de que o período medio de pago superou, con creces, o prazo de 60 días nos meses de agosto e setembro. O principal motivo desa dilación reside no atraso que acumula a conformación dos recibos da luz máis antigos, o que ten efectos tamén sobre os prazos da facturación global”, explica a súa voceira, Cristina Pérez Herráiz.
A portavoz de formación urxe ao executivo a tomar medidas inmediatas para evitar que, un exercicio máis, as contas da administración local teñan que estar supeditadas á supervisión da Xunta. “Salta á vista que a xestión económica que se está a facer non é todo o eficaz que debera, cando se segue a incumprir a regra de gasto. Por moito que se diga que a institución está saneada, por moito que se fale de superávit ou de cancelación da débeda, o Concello vai camiño de quedar intervido dous anos consecutivos”, lamenta Pérez Herráiz.
A voceira de Lugonovo propón ao executivo a contratación, por acumulación de tarefas, de máis persoal que se encargue de axilizar o cursado dos recibos pendentes, coa fin de poñelos ao día, ao mesmo tempo que suxire regular, a través dun contrato, a subministración enerxética para as dependencias municipais e o alumeado público.
“Esta non é a primeira vez que denunciamos a situación de desmantelamento que sofre o servizo electromecánico, nin tampouco a primeira que instamos ao equipo de goberno a poñer en marcha iniciativas de optimización enerxética. A resposta é sempre a mesma: xa o contempla o proxecto Smart do que, para non variar, só se fala pero non se materializa nada. En calquera caso, pensamos que as circunstancias non só convidan, senón que tamén obrigan a constrinxir as condicións nas que operan as eléctricas, regulando a súa relación coa administración a través dun prego de condicións que, para empezar, evite que, como ata o de agora, se emita un extracto mensual case por cada contador”, conclúe Cristina Pérez.