Lugonovo advirte do desempedrado da Muralla na praza do Cantiño e no paseo Daniel Varela

Lugonovo advirte que dende a Praza do Cantiño e ao longo do percorrido do paseo Daniel Varela Piñeiro, a cara interior da Muralla rexistra ao redor de media ducia de desempedrados nos muros da construción. Esta denuncia que fai a agrupación municipal vén dada tras as queixas da veciñanza. Para Lugonovo, “é outra forma de agresión ao Patrimonio, quizáis esixa un maior esforzo detectala porque pasa máis inadvertida pero resulta igual de perniciosa para a conservación do monumento”.

“Dá toda a impresión de que alguén foi escarvando e afloxando as laxas ata movelas e arrincalas da súa ubicación. E non se limita a un só enclave nin a dous, senón que, espalladas por este tramo, existen moitas tachas similares”, lamenta o portavoz da agrupación, Santiago Fernández Rocha quen asegura que “isto esixe, cando menos, dunha revisión urxente e dunha avaliación dos danos para cuantificar o seu alcance”.

Santiago Fernández Rocha considera que non frear este tipo de “entretementos desconsiderados e irrespetuosos” acabará supoñendo un importante prexuizo para o ben máis destacado da capital e asegura que este feito pon de manifesto dúas cousas “a escasa sensibilidade polo coidado do público pero tamén a parca supervisión que se exerce sobre o patrimonio e que xa quedou en evidencia en numerosas ocasións”.

 

Dende o Grupo Municipal, Fernandez Rocha sinalara xa a necesidade de que a Policía Local establecera un protocolo de actuación no que se contemple a salvagarda do patrimonio municipal, cando apareceu destrozada a fonte de San Vicente, como unha tarefa específica á que é preciso dedicar esforzos e efectivos concretos a pé de rúa.

“O que está claro é unha vez cometido o crime, lamentarse non serve de nada. As administracións deben desenvolver un papel moito máis activo e intervir, nas súas posibilidades, na concienciación da cidadanía. A chamada de atención debe ser a ferramenta inicial de prevención pero, parello a este mecanismo, débense artellar outros capaces de disuadir punitivamente deste tipo de condutas incívicas que, no fondo, nos afectan a todos”, conclúe o portavoz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com