Esta mañá, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, falou sobre a situación do auditorio de Lugo, despois de reunirse o pasado venres coa conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do territorio, Beatriz Mato. Na reunión chegaron ao acordo de iniciar a tramitación do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello para finalizar o auditorio. E, tras as criticas da oposición, a alcaldesa, Lara Méndez, advirte que, dende o goberno non van permitir que unha instalación tan importante para a cidade lucense quede sen rematar por falta de equipación.
A edil de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, achega que, dende hai varios días, parte do peche que delimita o novo Auditorio se atopa derrubado, o que posibilita o acceso ao edificio.
Cualifícao como “Unha mostra máis do regateo ao que xogan as administracións con esta instalación cultural. Levan investido nela unha fortuna para que agora esmoreza nun estado de absoluto abandono”.
A concelleira quere saber se o goberno local é coñecedor da situación de inseguridade na que se atopa o recinto. “Gustaríanos que se explicara quén se encarga da vixilancia do centro e cómo. ¿É a Xunta, a empresa construtora ou pode actuar o Concello para evitar desperfectos antes da súa recepción, se o considera preciso? Por outra banda, ¿que foi o que aconteceu para que unha parte do cerrume se viñera abaixo e qué impide, agora mesmo, que alguén entre e poida ocupar o inmoble ou estragalo?, porque, dende logo un precinto de plástico, que é o que se aprecia na foto, non nos parece suficiente”.
Esta situación chega debido a falta de entendemento entre os distintos gobernos, o que obriga a moitas infraestruturas a quedar en terra de ninguén. Ademáis os convenios que rixen a súa conservación pasan anos e anos paralizados, a espera dun acordo definitivo de cesión que nunca chega.