Lugonovo preguntará nas Comisións de Pleno de mañá cales son os motivos polos que aínda non se executaron as beirarrúas previstas para o CEIP Virxe da Soidade, nas Gándaras; unha actuación que ía incluída no paquete de medidas que a formación acordou co goberno para aprobar os orzamentos de 2016 e que, tres cursos académicos despois, segue sen executar.
“Semellante atraso resúltanos moi difícil de xustificar”, lamenta Victoria Esteban. A edil subliña que as Gándaras é un dos barrios con máis déficits de toda a capital e que esa ausencia de dotacións faise máis palpable, se cabe, na contorna escolar. “Dende a falta de sinalización do propio edificio ata a carencia de infraestruturas tan básicas coma esta que, exercicio tras exercicio, merma garantías á seguridade coa que o alumnado se despraza polas inmediacións”, subliña.
O Grupo Municipal tamén interpelará ao executivo ao respecto do Plan Mellora, destinado a realizar traballos de conservación nos centros de ensino infantil da cidade. “Queremos saber se este programa terá continuidade durante o próximo ano e cal será a consignación orzamentaria da que dispoña”, explica a concelleira quen apunta a conveniencia de planificar canto antes as obras de mantemento que precisan as escolas coa fin de iniciar a súa execución en canto comece o verán. “O desexable sería ter xa elaborado algunha sorte de cronograma coas actuacións a desenvolver no que, de paso, agardamos, se tiveran en conta as reivindicacións efectuadas polas distintas comunidades educativas nos últimos meses, para resolver as deficiencias detectadas nas instalacións”.
Por outra banda a formación tamén solicitará que se dea cobertura de forma estable, durante as súas ausencias e nos supostos nos que a normativa contempla a súa substitución, ás prazas de conserxe nos CEIP da cidade, por persoal equivalente que poida desenvolver todas as tarefas ordinarias atribuídas a este posto e no horario establecido polos diferentes equipos docentes, “tendo en conta a gran relevancia que teñen as funcións que desempeñan as e os conserxes para o correcto funcionamento dos colexios”, conclúe Esteban Riesco.
O proceso de cesión é un proceso longo
En relación a estas declaracións, o Conselleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, aclarou que o Concello está a contactar cos propietarios dado que as beirarrúas proxectadas están planificadas en terreos privados. A día de hoxe, e segundo resaltou o edil, falta o propietario dun soar por localizar. En todo caso, os socialistas reclaman que “Lugonovo debería saber” que o proceso de cesión ou expropiación de tereos é un proceso longo que “leva o seu tempo”. Non en ván, o Goberno contempla nos orzamentos deste ano “que non apoiou Lugonovo nin ningún partido político, 60.000 euros para mellorar a accesibilidade nas Gándaras na contorna do centro educativo.