A portavoz do Grupo Municipal Lugonovo vén de presentar unha alegación á modificación aprobada inicialmente polo Pleno do mes de outubro, da Ordenanza Fiscal Número 203, reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), no que ten que ver coa exención deste tributo á Xunta, ao entender que a realidade xurídida da operación que reflicte non é outra que “a devolución dun préstamo encuberto”.
“A Intervención, no informe que presentou ao respecto, tamén o sinala: as exencións tributarias deberían ter un carácter xenérico. Polo tanto entendemos que a modificación debera referirse a todos os centros sanitarios de titularidade pública, que estean afectados ao cumprimento dos seus fins específicos, como literalmente sinala o artigo 62.3 da Lei de Facendas Locais, e non só aos cinco propostos que, ademais, supoñen ao redor do 75% dos cartos que a Xunta ingresa ao Concello en concepto de IBI”, afirma Cristina Pérez.
Cristina Pérez Herráiz cre que tampouco é admisible o feito de deseñar esa exención cun carácter temporal, tendo en conta que a lei presupón que esta debe ser indefinida no tempo mentres concurran os requisitos suxetivos (titularidade pública) e os obxectivos (afectación ao servizo sanitario). “Este, sería o segundo dos aspectos nos que o texto proposto e aprobado por PSOE e PP na sesión plenaria anterior, pretende desviarse do que traza o marco normativo”, advirte a voceira.
Dende a agrupación, os edís subliñan que esta exención non é máis que o resultado dun pacto ou convenio coa Xunta de Galicia cuxa finalidade é heterodoxa e que incorre nunha desviación de poder. “Noutras palabras – conclúe Pérez Herráiz – entendemos que, coa modificación, estase a empregar a exención temporal do IBI a determinados inmobles como compensación económica para que o goberno autonómico financie unha actuación pública do Concello de Lugo. Unha chantaxe á que, dende o principio, Lugonovo amosou o seu rexeitamento e así o vimos de trasladar formalmente mediante o rexistro desta alegación”.