A falta de dilixencia pode provocar que o edificio sito no número 48 da Ronda da Muralla permaneza, outro ano máis, nas mesmas condicións de ruína nas que se atopa.
A advertencia chega da man dos edís de Lugonovo que, “tras consultar cos técnicos municipais, cren que o goberno non actuou coa suficiente axilidade como para garantir que a construción se rehabilite nos primeiros meses do ano”.
“O informe do arquitecto contemplaba, a primeiros de maio de 2016, que se trata dunha obra urxente. No expediente figuraban, entre outras consideracións, que o inmoble necesita dunha actuación inmediata debido á existencia de serios riscos de desprendemento e á desaparición de varios elementos arquitectónicos catalogados”, explica Santiago Fernández Rocha.
Poren, a encomenda de xestión para que Evislusa se fixese cargo da intervención non chega á Xunta de Goberno “ate o 16 de novembro, seis meses despois”. “, apunta o portavoz da formación.
Fernández Rocha relata que a tramitación permanece, neste momento, paralizada agardando a que o departamento de Xestión Urbanística autorice a Providencia na que se lle reclama a Evislusa que detalle o custo de redacción do proxecto de reforma e a valoración das medidas de seguridade. “Dende este punto e ata o inicio da reparación existe toda unha cadea de pasos que nos fai presaxiar unha longa espera ata que a edificación quede saneada”, asegura o voceiro.
Os concelleiros do Grupo Municipal propuxeran, no seu momento, a instalación dun armazón porticado que permitise aos peóns pasar por debaixo de forma segura e sen ter que invadir a calzada. “Unha solución que protexería correctamente a viandantes e vehículos, que non afectaría á circulación e que volvería poñer a disposición dos seus usuarios as dúas prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida”, conclúe Santiago Fernández Rocha.